Sunday 05 de May de 2024

A Festa do Polbo de Palmeira incorpora ao seu programa un mercado artesanal


Os 1.500 kilos de cefalópodo consumido é o reto da organización

Como é habitual, a terceira Festa do Polbo de Palmeira vai ter lugar nesta última fin de semana de agosto, se ben cunha importante novidade: ademais da cita gastronómica propiamente dita, programada para o sábado 27 e o domingo 28, haberá tamén na explanada portuaria un mercado artesanal que abrirá as súas portas mañá venres.

O concelleiro pertencente a esta parroquia, Emilio Pérez Outeiral, e a súa colega de Cultura, Fabiola García Martínez, foron os encargados de explicar os detalles dun evento que xa arrancará mañá co citado mercado artesanal, que estará complementado por un DJ cando chegue a noite (en torno ás 22 horas).

O sábado abrirá a festa en si coa previsión de alcanzar como mínimo a tonelada e media de cefalópodo consumida na última edición (“Fai dous anos acabamos co pan e o ano pasado acabamos co viño; a ver se este ano acabamos co pulpo”, bromeou o edil palmeirán).

Unha vez máis, Manuel Veloso estará encargado dos fogóns e ademais do produto protagonista ofrecerá outras delicias propias do país como navallas, ameixas, churrasco, etc.

Álex Vidal
O pregoeiro será nesta ocasión o taekuondista Álex Vidal, que intervirá ás 20 horas do sábado, se ben o programa de actividades comezará ante con inchables para os nenos a partir das 17.30 horas. Despois haberá unha exhibición de taekuondo e ás 22 horas actuará a cantante riveirense Mariú. Así mesmo, o domingo á mesma hora haberá unha sesión DJ.

A todo isto hai que engadir os postos de artesanía que abrirán xa pola mañá tanto o sábado como o domingo para incentivar o interese e presenza de veciños e visitantes; así como a participación durante os festexos dunha charanga (BB+) e un grupo de gaitas, Xiada.

Tanto Emilio Pérez como Fabiola García quixeron animar á veciñanza a que se achegue a unha festa que vai medrando a cada ano que pasa.